Implicadas Rotating Header Image

As novas vidas do “Para que les?”

Hai catro meses e medio que nos preguntamos, que vos preguntamos: “se a lectura é unha actividade extraña e solitaria… ¿por que nos gustará tanto?”… Parece que foi onte e xa levamos publicadas máis de 120 respostas!

Como xa vos anunciamos no seu momento, o “Para que les?” atopou nos centros de ensino unha nova vida que, esperamos, sexa longa e frutífera. A Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia está preparando unha mostra que exporá algunhas das vosas respostas en máis dun cento de colexios galegos, no CEIP de Andrade en Pontedeume están realizando un proxecto de lecturas compartidas coas avoas e avós do que nos enviaron unha pequena compilación (podédela descargar en pdf, son 2,3 Mb) e no CEIP Virxe da Soidade de As Gándaras en Lugo fixeron unha tormenta de ideas co alumnado de 6º de Primaria para descubrir “para que len os nenos“. Podedes ver o resultado na imaxe que ilustra este post.

O éxito do Para que les? foi sorprendente e emocionante. Sentímonos moi orgullosas e agradecidas e esperamos que a proposta siga dando froitos por moito tempo. Estamos seguras de que será así porque queda nas vosas mans, nas mellores mans. Á volta da Semana Santa, nós comezamos unha nova labor, a construción da Biblioteca Virtual do CLV de  Implicadas, da que xa vos demos algunha pista. Esperamos contar tamén alá coa vosa axuda e co voso alento, porque se algo puidemos comprobar ao longo destes meses é que a lectura non é unha actividade nin tan extraña nin tan solitaria como pensabamos.

Gracias.

Os comentarios están pechados.