Implicadas Rotating Header Image

Circe ou o pracer do azul

Coas vosas cartas e a vosa innata sinceridade, convertestes á xa de seu para min satisfactoria ausencia de Ulises, nun tempo de completa serenidade e calma. Por primeira vez en moitos anos puiden gozar da contemplación do mar sen temor a que a sombra do barco de Ulises se debuxase no horizonte. Grazas, señora, por me devolver o mar. A vós débovos recuperar o pracer do azul, pola beleza dos solpores e polo rumor devalante das ondas ao morreren nas areas de Ítaca, un rumor que pasou de me semellar o alento de Ulises nos meus ouvidos a ser arrolo dos meus sonos. Credes que para un espírito sempre en fuxida coma o meu, foi este acougo un agasallo pequeno?

Miña amiga, miña confidente, miña guía, foi grazas a vós que me atrevín a nomear aquilo que levaba tantos anos atormentándome. Poñerlle nome, conseguir narralo, permitiume trousar boa parte do veleno que Ulises introducira na miña alma.Tiñades razón mestra miña, no mesmo momento en que vos escribía sentía a verdade lavar cal bálsamo a ferida tan enquistada. Sen vós non acharía nunca o valor para o facer. Non tería sequera ante quen facelo. Así que non vos torturedes máis, nobre deusa. Non só non tedes responsabilidade ningunha na culpa, senón que sodes parte da miña curación.

___
*Carmen Campo recomenda Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño (Galaxia).

Os comentarios están pechados.