Implicadas Rotating Header Image

Si o vello Sinbad volvese ás illas

Botou as cascas de laranxa ó mar. Goteáballe o zugo polas mestas barbas. Berroulle ó rapaz que estaba facendo uns estrobos na gamela.

-¡Sari! ¡Olla pra isas cascas que tirei á auga! ¿Ves o marelas que son? Pois así son crarexando á alba as illas das Cotovías. Somentes falta a do medio, que ten unha montaña verde.

-¡Non hai tales illas, Sinbad! Dixo Adalí que ó sul non había nada.

-¡Hai, hai! ¡Están as illas das Cotovías coma sete laranxas!

Co remo arredou Sinbad dúas das cascas meirandes pra faguer por entredelas o estreito de Miraquenvén, e despoixas arrempuxou un pauciño por il, querendo imita-la nao do Soldán Melinde cando toma ventos por aquela porta, procurando as ondas do mar maior, máis aló dos estreitos.

-¡Sari, escóitame, hom! ¡Pídocho de favor!

-¡Non hai Cotovías, Sinbad!

___
*Pilar Sampedro donou Si o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro (Galaxia).

Os comentarios están pechados.