Implicadas Rotating Header Image

A última lectura desta xeira

Despois dunhas semaniñas desempacando libros, xa temos montados os primeiros andeis da Biblioteca Virtual do CLV de Implicadas. Grazas, unha vez máis, pola vosa colaboración. Recibimos catro ducias de libros nos que caben todos os mundos posibles.

Caben os clásicos da literatura galega, como Cunqueiro (Os outros feirantes e Si o vello Simbad volvese ás illas), Otero Pedrayo (Os camiños da vida), Blanco Amor (A esmorga) ou Castelao (Sempre en Galiza). Caben grandes autores da literatura universal como Pavese (O demo nos outeiros), Baricco (Seda) ou Paasilinna (O bosque dos raposos aforcados). E caben tamén, por qué non, best-sellers internacionais como O símbolo perdido. Caben a literatura combativa con nome de muller, como Circe ou o pracer do azul, Herba moura, Diario da luz e a sombra ou O club da calceta. Cabe iso que chamamos literatura xuvenil, como Irmán do vento, e iso que non chamamos así, pero que nos presta que lean os nosos mozos e mozas, como Anagnórise, O lápis do carpinteiro, Morning Star ou Resistencia. Caben a poesía (As Torres no Ar ou Fabulario Novo), o ensaio (Fin de século en Palestina), a novela longa (Os libros arden mal, Home sen nome ou O xardín das pedras flotantes), a narrativa breve (Palabras Contadas e Melodía de días usados) e caben, tamén, os camiños que cruzan por entre todos eles (Níxer).

Xa vedes que nos primeiros andeis da Biblioteca Virtual do CLV de Implicadas caben todas as hitorias e todos os mundos, pero a nós nesta xeira só nos vai dar tempo a coñecer un máis, así que decidimos sometelo a votación e o resultado foi o seguinte:
Unha persoa votou O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas (Xerais)
Unha persoa votou Palabras contadas, de Camilo Franco (Xerais)
Dúas persoas votaron Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño (Galaxia)
Oito persoas votaron Fin de século en Palestina, de Miguel Anxo Murado (Galaxia)

Comezamos, polo tanto, agora a lectura de Fin de século en Palestina, que se estruturá así:
Mércores 2 de xuño, ata a páxina 124
Mércores 16 de xuño, ata a páxina 242
Mércores 30 de xuño, ata o final

Os comentarios están pechados.