Implicadas Rotating Header Image

IND

IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO (IND) é unha ONGD galega e independente que nace no ano 1998 co obxectivo de traballar a prol da erradicación das desigualdades Norte-Sur a través da sensibilización da sociedade galega e dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento na India e en Etiopía. O enfoque de xénero é o motor do traballo de Implicadas, xa que entendemos que non é posíbel erradicar a desigualdade entre persoas pobres e ricas mentres (en todo o mundo) permanece a desigualdade entre mulleres e homes.

Na filosofía Implicadas defende:
– Que a cooperación ao desenvolvemento comeza cambiando as estruturas de explotación entre o Norte e o Sur e entre homes e mulleres.
– Que o cambio ten que acontecer dende Galicia abrindo vías para que a cidadanía poida participar na presión mundial para o cambio.
– Que non se pode falar de desenvolvemento cando o 50% da poboación vive en situación de discriminación e por iso traballamos para superar primeiro a discriminación que padecemos as mulleres.

Na acción Implicadas:
– Traballa na sensibilización da cidadanía, nas accións de presión política, na visibilización da situación das mulleres dos países en vías de desenvolvemento.
– Abre portas á participación da cidadanía a través do voluntariado e do apoio a campañas internacionais. Implicadas é a única organización galega que forma parte do Cumio do Microcrédito.
– Pon en marcha proxectos de cooperación baseados na igualdade de xénero e na autosuficiencia das comunidades, traballando man a man coas organizacións civís do Sur ata o momento na India e en Etiopía.

Un dos principais obxectivos e preocupacións de IND é a sensibilización da sociedade sobre a pobreza, as súas causas e as súas solucións, porque cremos que para conseguir un mundo máis xusto e solidario é primordial cambiar primeiro a mentalidade dos que vivimos nos países máis ricos.

Por iso levamos a cabo distintas actividades de sensibilización en Galicia, para achegar a realidade da India e Etiopía en particular e dos países non desenvolvidos en xeral á sociedade galega. Unha destas actividades son os clubs de lectura.