Implicadas Rotating Header Image

A Biblioteca Virtual do CLV de Implicadas

Hai uns meses pedímosvos que nos axudarades a comezar esta aventura do Club de Lectura Virtual de IND respostándonos a unha pregunta que parecía máis sinxela do que era: Para que les? A idea orixinal era publicar unha resposta cada día durante un par de semanas, ata a primeira reunión do club, pero a vosa colaboración foi tan xenerosa que recibimos máis de 80 contestacións, cada unha máis reflexiva e persoal cá anterior, e aínda tardaremos unhas semanas en acabar de publicalas todas.

Para que les? comeza agora unha nova andaina da man da Rede de Bibliotecas Escolares, que exporá algunhas das nosas respostas en 32 102!* centros de Galicia, e xa que logo nós pensamos que xa era hora de abusar, de novo, da vosa xenerosidade.

O CLV está agora no seu ecuador. Nestes meses leremos seis libros, o último dos cales está aínda por determinar. Quixemos que foran as persoas que integran o club quen decidisen cal sería o último título e pensamos agora que esta decisión sería aínda máis especial se nos axudarades a elixilo.

Gustaríanos construir entre todos e todas a Biblioteca Virtual do CLV de Implicadas, para o que vos pedimos un novo esforzo. Elixide, por favor, entre as vosas lembranzas ese título excepcional. O voso libro favorito. E mandádenolo, xunto cunha breve cita. Un pedaciño, o ideal sería que non superase os 240 caracteres, pero xa sabemos que é complicado. Subiremos todos os títulos e todas as citas ao blog e á páxina do facebook e, de entre os títulos que recibamos sairá a nosa última lectura. Só temos unha “pequena esixencia”, ten que estar publicado en galego.

Con isto faremos, a un tempo, unha biblioteca e un “camiño” de palabras… Que vos parece?

Se vos animades a participar, enviádenos as vosas respostas a implicadas.clubdelectura@gmail.com antes do día 22 de febreiro, para que teñamos tempo de publicalas e de debater cal será a lectura elixida.

Moitas grazas unha vez máis pola vosa colaboración!

___
*Loly Lago, do IES de Fene dinos que xa son 102 os centros implicados no Para que les… “e seguimos sumando!” Corrixido queda.
A imaxe pertence á Stockholm Public Library. Nós atopámola aquí e hai máis fotos do mesmo autor aquí.

4 Comments on “A Biblioteca Virtual do CLV de Implicadas”

  1. #1 pitty
    on Feb 10th, 2010 at 11:14

    Non é doado escoller un só libro, máis ben diria que é imposible, pero agora asi dándolle á moa da memoria, veñenme á cabeza varios titulos, entre eles Tras o solpor de Haruki Murakami, Seda de Alessandro Baricco, O bosque dos raposos aforcados de Aarto Paasilinna, todos eles traducidos ao galego por Rinoceronte.

  2. #2 implicadas
    on Feb 10th, 2010 at 18:44

    Moitas grazas por colaborar, Pitty. E tan rápido! Recorda que precisamos un só título (agora é máis sinxelo, só tes que elixir entre tres!) e unha pequena cita do libro… Poderá ser? Unha aperta

  3. #3 pitty
    on Feb 11th, 2010 at 09:13

    “De cando en vez, nos días de vento, Herè Joncour baixaba ata o lago e pasaba horas mirandoo, posto que, debuxado na auga, parecíalle ver o inexplicable espectáculo, lene, que fora a súa vida” extracto de Seda, de Alessandro Baricco, un poema escrito en prosa.

  4. #4 A última lectura desta xeira – Implicadas
    on Set 3rd, 2010 at 10:26

    […] dunhas semaniñas desempacando libros, xa temos montados os primeiros andeis da Biblioteca Virtual do CLV de Implicadas. Grazas, unha vez máis, pola vosa colaboración. Recibimos catro ducias de libros nos que caben […]